martes, 31 de marzo de 2020

Lipdub

Imos lembrar un momento divertido, si?
Preme na imaxe para acceder e despois clica no apartado de montaxe audiovisual igualdade.

Actividades para o 31 de marzo

Lengua Castellana: imos repasar os sustantivos e as súas clases. Lembrádesvos?  Se non vos lembrades mirade o seguinte esquema, o resumo e o vídeo antes de empezar o repaso no Snappet.





Lingua Galega: o repaso de hoxe é moi fácil (para que vos esforcedes máis na actividade de ciencias), imos lembrar o que son os enunciados e os tipos de oracións no Snappet.

Mirade que sinxelo é, máis resumido, imposible.


Matemáticas: continuar co traballo do caderno do profe Avelino (poñédevos en contacto con el ante calquera dúbida).

Inglés: xa vos manda as tarefas a profe Alba.

Ciencias da Natureza: continuamos co tema de onte. Imos realizar a seguinte actividade, pero os grupos van ser familiares, vale? os irmáns/ás, avós, avoas, papá, mamá... aqueles cos que convivades estes días, así demostrádeslle todo o que sabedes.
Escollede o ecosistema que máis vos guste e a traballar.
Se precisades información sobre algún tipo de ecosistema podedes recorrer aos vídeos de onte e senón a vosa familia seguro que sabe un montón (se a vosa familia non sabe, enviádeme unha mensaxe e dígovos onde buscar información do ecosistema que máis bos guste).
Cando rematedes mandádeme unha fotiño e súboa aquí para que poidades compartir os vosos traballos.

lunes, 30 de marzo de 2020

Atención... concurso


Co motivo de que levamos xa máis de 15 días de confinamento, queremos facer un concurso para pasalo ben e sobre todo, para volvernos a ver.


A idea é a seguinte:


1. Debedes ir ao instagram: ceippontesampaio.

2. Se non o tedes nos vosos seguidores dádelle a seguir.

3. Cando se vos acepte, debedes enviar unha das vosas fotos máis simpáticas destes días de corentena por mensaxe privada.

4. Publicaranse nas stories para que poidades votar a que máis vos guste.

5. Tedes até o 5 de abril para envialas.

6. As fotos máis votadas serán as gañadoras, das cales se publicarán os resultados o luns 6 de abril.


Animádevos a concursar! É moi divertido!

Xuntos podemos...

As mestras e mestres do colexio quérenvos contar...


Actividades para o 30 de marzo

Matemáticas: xa vos informa o profe Avelino pola páxina que debedes continuar o traballo.

Lengua Castellana: o outro día observei que había nenos/as que tiñan dificultades para identificar os tipos de comunicación verbal e non verbal, así que imos reforzar isto co Snappet (lembrade empezar sempre polo 1a).
Para aqueles que queiran recordar un pouquiño máis, ademais da explicación do Snappet, aquí vos deixo uns vídeos e esquemas.










Inglés: a profe Alba envíalle unha mensaxe por Abalar ao vosos pais e nais.

Lingua Galega: imos lembrar o que son os sinónimos e antónimos. Facemos uns exercicios e antes miramos uns vídeos se vos parece.





 Ciencias Sociais: imos repasar o tema 2 de ciencias da natureza. Lembrades cales eran os reinos? Que é unha poboación? Que é un ecosistema?  Pois xa o sabedes todo... agora a responder a estas preguntiñas e listo.
Se vedes que non vos lembrades moi ben de todo, podededes repasar con estes vídeos e esquemas.













 E agora os deberes: Pero non teñades pena, que mañá seguimos co tema.







 E agora tócalle traballar un pouquiño aos vosos pais e nais, xa que preciso da súa axuda.
Parece ser que o noso período de estudar dende a casa se vai alongar así que é necesiario que vos deades de alta na plataforma de SM (saviadigital) para poder acceder ao contido dos libros de ciencias.
Vouvos facer chegar eu por privado as licenzas dos libros porque son individuais de cada neno/a e despois douvos a clave da aula.
Agardo que non vos resulte moi complexo pero a partir do día 14 temos que empezar a avanzar contidos do 3º trimestre, tal e como nos esixe a Consellería de Educacion.

sábado, 28 de marzo de 2020

Que rico...

Quen ten fame?  Hoxe Aroa quérenos ensinar a facer unha receita para cear.
Que boa pinta ten, quen se anima a poñela en práctica?


viernes, 27 de marzo de 2020

Actividades 27 de marzo

Matemáticas: seguide coas actividades do caderno do profe Avelino, ante calquera dúbida mandádelle unha mensaxe.

Lingua Galega: imos seguir coa ortografía, toca practicar hoxe os ditongos e os hiatos no Snappet.




En resumo:



Lengua Castellana: imos traballar un pouquiño máis de literatura. Todos sabemos o que son os contos, verdade? e as partes dos contos tamén, verdade? Pois imos repasalo no Snappet e logo ides inventar vós un conto, da temática que queirade e coa extensión que vos apeteza (menos de 5 liñas non é un conto); facédeo con tranquilidade vale porque é tarefa para todo o fin de semana. Cando o rematedes, enviádemo por favor.







Plástica: no colexio estabamos coloreando ao estilo do Pop Art, lembrádesevos? Uns a Mickey Mousse e outros a Marilyn Monroe. Lembrádesvos como se chamaba o artista?





 Pois agora imos ser nós os artistas, sen copiar a ninguén, vale? só seguindo o estilo do Pop Art.
Propóñovos o seguinte: que collades folios de cores (un folio igual é moi grande, partídeo en catro partes iguais) e fagades nel unha estampación ou varias pero sempre o mesmo debuxo ou con moi pequenas modificacións, sempre do mesmo obxecto pero con cores diferentes. Logo colocamos todos os folios xuntos (podémolos unir por atrás con celo) e xa temos un cadro de Por Art.
Os que non teñades folios de cores, pintádeos antes dunha soa cor.
Os que non saibades que estampar, probade a facer selos cunha pataca, déixovos unha imaxe.


E despois non esquezades enviarme as fotos das vosas creacións.
Se non tedes témperas ou acuarelas, deixade voar a vosa imaxinación; todas as vosas propostas serán ben recibidas.
O resultado sería algo semellante a isto, pero agora entra en xogo a vosa creatividades e orixinalidade.





Educación Físca: o profe Iago deixouvos as actividades na páxina web.

E como sei que a algúns lles gusta traballar na fin de semana, vouvos deixar abertas no Snappet unhas comprensións lectoras por se vos apetece seguir traballando.

Boa fin de semana, gozade da vosa familia.

jueves, 26 de marzo de 2020

Aleixo si que se coida

O noso amigo Aleixo pasa o seu tempo na casa practicando deporte, xogando co seu irmán... así o tempo pasa antes e mantémonos en forma, verdade?


Actividades para o xoves 26 de marzo

Ciencias Sociais: ides ler o texto que aparece a continuación e contestarme a unha pregunta.


Fai unha lista dos membros da túa familia. Cales forman parte da poboación activa? E da poboación inactiva?
Como o exercicio é moi sinxelo, imos entender a palabra FAMILIA  o máis extensa que se vos ocorra (tíos, curmáns, bisavós...).

Inglés: xa vos envía as tarefas a profe Alba.

Ciencias Sociais: seguimos con Ciencias Sociais e imos afondar un pouquiño máis no traballo e de paso valorade cal é o sector ou sectores que continúan a traballar no seu traballo (e non dende a casa como nos pasa aos profes e aos nenos/as) con isto do Coronavirus.
Déixovos un par de imaxes para ler e despois unhas tarefas.
 1. Explica que é a poboación activa?
2. Debuxa unha paisaxe dedicada ao sector primario. Que actividades destacan?

Os seguintes vídeos pódenvos axudara a entender mellor.






 Matemáticas: continuade traballando coas fichas do profe Avelino.

Relixión: xa vos envía unha mensaxe a profe Conchi.

Valores: e imos falar agora do que de verdade nos está importando estes días.
Lembrades a nosa última clase? Pois imos reflexionar un pouquiño sobre ela, e como non podemos falar entre nós e intentar chegar a acordo, imos falar cos nosos pais, nais, irmáns... que estea con vós.
Como pensades que vos está afectando esta nova situación que estamos vivindo?
Como vos sentides?
Pensades que alguén pode facer algo para que vos sintades mellor?
Que vos faría sentir mellor?
Que é o que mais botades en falta?
Que desexariades estar facendo agora?
Pensades que facemos ben quedando na casa? Por que?
A quen estamos axudando quedando na casa?

Non quero que me contestedes a todas estas preguntas, quero que pensedes en todas elas e faledes con alguén delas. Unha vez fagades iso, quero que plasmedes no papel a vosa reflexión sobre todas esas preguntas... podédelo facer en forma de debuxo, en forma de poema, en forma de diario, en forma de manualidade... o que vós pensedes que representa mellor como vos sentides.
CREO QUE ESTA É A TAREFA MÁIS DIFÍCIL DA SEMANA, PERO TAMÉN A QUE MÁIS VOS VAI AXUDAR A ENTENDER ESTA NOVA VIDA.
Unha vez que o teñades feito, mandádeme o voso traballo que me interesa moito saber como vos sentides.






E para os que boten de menos o Snappet, déixovos unha comprensión lectora que está relacionada co tema de ciencias sociais. 3.12

miércoles, 25 de marzo de 2020

Este Diego é todo un xardiñeiro

O noso amigo Diego está feito todo un xardiñeiro, mirade que ben coida as plantas e que fermosas as ten. Cando voltemos ao colexio xa nolo explicará máis polo miúdo.



Grazas nenos/as polos vosos vídeos, que ledicia vervos a todos tan ben.

Libros en liña

Achégovos aquí as ligazóns para poderdes acceder aos libros de Lengua Castellana e Matemáticas, por se precisades velos en algún momento para recordar algúns contidos ou queredes ir facendo algúns exercicios.





Actividades do mércores 25 de marzo

Lengua Castellana: hoxe imos repasar a acentuación en lengua a través do Snappet.
Supoño que non vos fará falta volver repasar os vídeos ou os resumos, pero por si acaso déixovos un resumo.

Lingua Galega: hoxe toca un pouquiño de gramática, e imos repasar o suxeito e o predicado, as dúas partes principais da oración.



Preme na imaxe e atoparás un xogo para practicar.





 Música: o profe Sergio xa vos manda unha mensaxe coas súas actividades.

Educación Física: o profe Iago tenvos as actividades colgadas na páxina do colexio, no apartado titulado "actividades suspensión de clases".

Afondamento: hoxe toca traballar na aula de informática. O profe Avelino deixouvos traballo na páxina do colexio, mirade no apartado que pon "Actividades suspensión de clases".